17 de dec. de 2015

SilledAgasalla. Entrega de premios


Entregáronse os premios do concurso de lemas e debuxos do concurso que o Equipo de Normalización convocou no centro.
Premio debuxos: Patricia González (1ºA) Ana Castro (1ºA)
Premio lemas: Nerea (1ºA), Cristian (1ºA), Diego Lamas Barro (1ºB),  Paula Rosende (1ºC), Lorena Rodríguez (1ºC), Nerea Bibian Pascual (2ºA), Iria Moreira suárea (2ºB), Xoana Rivas López (2ºB), Sheila Pereira (2ºB), Álex Faílde (4ºA).

15 de dec. de 2015

Reflexións sobre a violencia de xénero

O alumnado de 1º de bacharelato traballou moito o tema da violencia de xénero, achegándonos moi boas e ben elaboradas reflexións. A seguinte é de Mariña Castro (1º bacharelato):


Para comezar vou presentar o resultado da Macroenquisa da Violencia contra a Muller 2015: o 12,5% das españolas afirman que sufriron violencia física ou psicolóxica por parte das súas parellas ou exparellas. Outra (demasiado) alta porcentaxe delas non está aquí para contalo. 
Por que? 
Vivimos nun mundo no cal se utiliza a violencia para "resolver" conflitos. 
 De todos é sabido que innumerables persoas foron asasinadas ao longo da historia (pola súa ideoloxía,etnia, relixión, orientación sexual etc.)
 Dende o meu punto de vista estas guerras, con nome ou sen el teñen algún factor en común co maltrato realizado contra as mulleres. 
 Como dixo Baudelaire: " sempre hai unha vítima e un verdugo no amor". Esta cita , mirada en relación co tema que nos atinxe, fálanos dese "amor" no cal un dos compoñentes da parella leva as rendas e o outro é sometido á vontade do primeiro, que ten esa sede insaciable de dominación e poder que satisface mediante a acción de facer sentir inferior á chamada vítima. 
 Pois ben, ao igual que ese pseudoamor do que falaba Baudelaire tamén están implantadas no pensamento colectivo unha serie de etiquetas e roles de xénero que separan e distinguen aos seres humanos en función do seu sexo. 
Concretamente, os homes cargan con ideais absurdos de masculinidade e as mulleres cargan co concepto de que fraxilidade é igual a feminidade. 
Quen non escoitou nunca que "eles non choran"? 
 Elas son mandonas, histéricas e golfas. 
Eles teñen madeira de líder, teñen carácter e son uns casanovas. 
 Horrorízame que aínda se pense que as vítimas de violación "van provocando", tamén que existan prácticas coma a ablación , que ás mulleres se lles pague menos no traballo etc. 
Dende o meu punto de vista isto é debido a que aínda existe esa ideoloxía bárbara imposta fai séculos que me gusta resumir como "ponte guapa e estate caladiña para pescar o marido que te ha de matar". En definitiva, podemos concluír dicindo que son esta mestura de violencia global, amor paixonal e a catapulta do home porriba da muller o néctar qye alimentaa lacra social da violencia de xénero.

11 de dec. de 2015

A nosa homenaxe a Neira Vilas


Durante estes días colocamos un panel á entrada do centro con achegas do alumnado sobre a figura do recentemente falecido Xosé Neira Vilas

10 de dec. de 2015

Os nomes das vítmas

Os alumnos de diversificación foron a voz da denuncia da violencia de xénero cun traballo no que lembraron os nomes das mulleres e as nenas asasinadas este ano.









Solucións contra a violencia de xénero

O alumnado de 4º B tamén fixo a súa achega ao Día Contra a Violencia de Xénero. E fixérono desde un punto de vista positivo, ofrecéndonos uns botes de remedios contra a violencia











4 de dec. de 2015

Concentración contra a violencia de xénero

O alumnado de 4ºA xunto con outros grupos de alumnos de Silleda participaron o pasado 25 de novembro nunha concentración contra a violencia de xénero organizada polo concello




3 de dec. de 2015

Taboleiro do mes de decembro


Un dos traballos que está realizando o taller de normalización é a da difusión de noticias que teñen que ver coa lingua. Así ocupamos a maior parte do taboleiro da entrada do centro.

2 de dec. de 2015

A Aldea de Balbino na crónica de Neira Vilas


A ALDEA DE BALBINO
NA CRÓNICA DE NEIRA VILAS

Xoán Carlos García Porral

Xosé Neira Vilas voltou a emigrar; para non volver. Pero, desta vez, deixounos unha herdanza que temos a obriga de conservar, protexer e difundir a través da nosa lingua: a súa obra. O 23 de outubro deste ano, arredor da unha tarde, foi a última vez que estiven falando con el na súa casa. Acompañábame Fe, amiga e compañeira de traballo. Pepe agardaba polo xantar. Recibiunos encantado, e durante algo máis de media hora desfrutamos das súas sempre agarimosas e engaiolantes verbas. Entre unha e outra anécdota, dixo: “Eu, non fondo, dedícome a escribir xogando coa mentira”. Sempre humilde, restaba importancia a súa faceta de cronista dun mundo esquecido e subestimado como era a aldea do seu tempo de neno. Así que, en 1961 creou a Balbino. E a través deste, infundiu pulos en todos aqueles que nacemos e vivimos no rural. Dignificou aos labregos e aos emigrantes. E como dicía antes, agora o noso deber e perpetuar a súa obra. Esa é a mellor homenaxe que lle podemos facer. Gracias Pepe.

Cando Balbino, o protagonista de Memorias dun neno labrego, se refire á aldea, empézaa presentando como unha mestura de lama e fume, onde os cás ouvean e a xente morre cando está de Deus. Nesta aldea, os seus veciños eran propietarios dunhas construcións básicas: unha casa na que vivir e que se compartía co gando, e un pallal, un hórreo e un alpendre no que gardar as ferramentas, o carro e outros apeiros da labranza, así como a leña e o froito das colleitas realizadas ao longo do ciclo agrícola. Estas casas tamén se caracterizaban por posuír un terreo e unha horta na que cultivar legumes e hortalizas destinados tanto ao consumo doméstico como animal. Por outra parte, toda a veciñanza compartía un muíño no que moer o gran para alimentar aos animais e facer o pan, e un regueiro, un río ou unha presa no que fregar a roupa cando estaba xa está sucia.

En canto á roupa, esta non soia ser do mellor. O mesmo Balbino fai referencia a que no verán andaba descalzo, reservando os zocos para o inverno, previo untado con graxa de porco. Nos pantalóns eran frecuentes os remendos, así como era habitual ter un   traxe e uns zapatos novos (aínda que estes tiveran certo tempo) cos que lucir os domingos e os días de festa e situarse preto dos “ricos” (Manolito), que acostumaban non só a poñer zapatos novos e traxes bos, senón tamén a levar consigo un reloxo. Os ricos tamén se distinguían pola súa alimentación. Mentres estes desfrutaban do pantrigo e de leite con café, aos menos avantaxados só lles quedaba o pan de boroa e o caldo. Iso si, ambas clases sociais tiñan acceso ao viño, aínda que aqueles con máis frecuencia ca estes.

Pero no vestir e no comer non só era onde se apreciaban estas diferenzas sociais. A realización dos traballos e das tarefas agropecuarias, base do sistema económico do mundo rural, trazaba a liña divisoria entre ricos e pobres, entre “amos” e “caseiros”, entre propietarios e servos. A familia de Balbino levaba ás costas o cualificativo de “caseiros”, algo que os facía ser máis pobres ca os pobres por ter que aturar aos amos, ademais de entregarlles a estes a metade de cada colleita. Unha das saídas a esta situación ía ser a emigración: unha maleta de madeira feita por un carpinteiro, unha viaxe en barco desde os peiraos de Vigo ou de A Coruña, e unhas cartas cargadas de morriña desde o outro lado do Atlántico, converteríanse nos selos de identidade dunha “raza” de xente sufridora e inconformista que loitou por mellorar a súa situación e a das súas familias.

Os traballos agropecuarios concatenábanse ao longo do ano segundo a estación e o froito que houbera que sementar ou recoller. O carrexo de esterco no carro, a gradadura das terras para o sementado do millo e das patacas, a arrendadura destas para quitarlle as herbas, o ter que levantarse cedo (ás tres da mañá) para ir xuntar os mollos,... eran tarefas que tiñan o seu momento oportuno ao longo do ano, e sempre tendo en conta o ciclo lunar. Por exemplo, durante o crecente non se podían matar os porcos xa que logo a carne criaría bichos, mentres que polo minguante non só se podía realizar a matanza senón que tamén era o tempo oportuno para botar a remolacha e poñer a horta e o cebolo, xa que deste xeito estes froitos non espigarían.

Mais había tarefas que eran de todos os días ou, cando menos, que gozaban de certa frecuencia: ir co gando para o monte despois de ter que erguerse cedo, tornar a auga coa sacha nos prados de rega, ter as ferramentas a punto como era o caso do cravuño da gadaña,... E nestas tarefas cotiás os rapaces xogaban un importante papel, xa que normalmente eran os encargados de chamar o gando nas épocas de labra das terras. Este cometido imposto polos maiores da casa traía consigo o abandono escolar. Ante o traballo das terras, sobre todo se estaba bo día e non chovía, calquera outra actividade propia dos rapaces coma ir a escola ou xogar, perdía a súa razón de ser. Con saber ler e escribir era dabondo. E algún, se era terra de bandas, podería aprender algo de música coa finalidade de gañar algún diñeiro. A outros rapaces non lles importaría faltar á escola, aínda que fora para traballar no agro. E é que daquela o dito de que “a letra con sangue entra” estaba tan presente que algún ata lataba sen ter unha causa “xustificada”, como podería ser o ter que axudar na casa.

Outra actividade propia dos rapaces era o xogo, tanto cando os seus proxenitores llo permitían coma cando os desobedecían ou faltaban á escola. Xogos tradicionais como a panda, a estornela ou a pita cega, alternaban coa imaxinación propia do neno á hora de facer macacos coas carolas dos nabos, facer paxareiras, armar liñas no río para pillar troitas ou lazos no monte para os coellos. Esta imaxinación que os rapaces depositaban á hora de procurar un entretemento, víase ilustrada polos contos dos maiores ao pé do lume da lareira. As lendas, os contos de meigas, as anécdotas de tempos pasados,... ían fixando nos nenos un mundo máxico entrelazado coa realidade na que lles tocaba vivir, de tal xeito que a veces non se sabía onde remataba a realidade e onde empezaba o imaxinario.

Outra fonte de entretemento, tanto para nenos coma para xente maior, eran as festas e as feiras. Nestas non podía faltar a ración de polbo, tanto se se vendía gando coma se se mercaba. Menos frecuentes eran as festas, pero non por iso menos desexadas. Cada parroquia posuía a súa ou súas festividades (a Virxe do Carme, o San Antón, o San Roque, o San Ramón,...). O repenicar das campás e o ruído dos foguetes marcaban o lugar a onde un debía dirixirse se quería gozar dun día de troula e lecer. Os oficios litúrxicos nas igrexas e a música de banda e dos gaiteiros nos soutos e nas carballeiras, xunto coa luz de cores que propiciaban os faroliños, ambientaban o día ou días de festa nos que a aldea rachaba coa rutina diaria do labor agrícola e gandeiro. Os nenos, a correr tras das canas dos fogos; os mozos e os maiores, a gozar do baile no campo da festa. Estas eran as celebracións que marcaban e definían a identidade dunha determinada comunidade fronte aos pobos veciños. Pero por riba de todas elas estaban as festas tradicionais galegas: o canto dos reis, o Entroido e o San Xoán. Esta última ía cargada de maxia: as cacharelas alumaban a noite máis curta do ano entre o son das gaitas, o bater das pandeiretas, e os aturuxos da xente, empurrada por as xerras de viño e o baile arredor do lume escorrentador das meigas.

Pero estes tempos de festa e divertimento alternaban con momentos de tristura, sendo a morte o feito que maior desconsolo e solidariedade producía entre a veciñanza. O velorio transcorría na casa do defunto. A cociña enchíase de xente da aldea e doutras parroquias, e aos que se quedan pola noite había que darlles a cea. Non eran poucas as veces nas que esas noites de pésame e de rosarios se acababan convertendo en encontros idóneos para poñerse ao día nos contos e botar a partida ás cartas. A carreira das campás das igrexas facían pública unha morte. Unha morte que traería consigo o loito para os familiares do falecido e ter que quedarse na casa cando había festa na aldea ou en parroquias próximas. Os máis beneficiados, a parte dos que ceaban na casa do defunto, eran os curas. Estes comían queixo e pantrigo na sancristía, unha parva ofrecida pola familia do finado como agradecemento polas honras fúnebres. Á marxe desta función, os cregos velaban polo recto comportamento do pobo, así como pola instrución da catequese. Tamén había aqueles que excedían da súa función preparando aos mozos e mozas en disciplinas seculares (matemáticas, lingua, historia,...), ou que incluso compartían unha cunca de viño e botaban un conto cos homes da parroquia na taberna. Eran os máis “modernos”. E todo cura precisaba dun sancristán. Este tiña unhas funcións ben definidas, que ían desde tocar as campás ata atender os enterros e cabodanos, varrer, botar a auga na pía, acender e apagar as candeas, sacar a caixa das ánimas, coidar os santos,...

Neste ambiente rural, Balbino tiña inquedanzas. A aldea quedábaselle cativa. El, fillo de caseiros, máis pobres ca os propios pobres por ter que aturar aos amos, dábase conta de que a vida non era igual para todos.

(Texto tirado do libro De Balbino a hoxe. Cambios e transformacións na aldea, Lóstrego 2012; prologado por Xosé Neira Vilas).