30 de nov. de 2015

Neira Vilas, sempre connosco

 
 
 Neira Vilas estivo connosco no mes de maio do ano 2012. Aquel día deixounos unha profunda pegada.  Levaba sempre consigo o escudo galeguista: "eu vivín 42 en América, escribín libros, artigos,... moitas cousas e sempre o fixen en galego"

 
Cunha mensaxe simple e directa desmontaba os prexuízos que pexan á lingua galega. Basta que lembremos esta anécdota familiar. El emigrara de novo a Arxentina e naturalmente comenzou a manter correspondencia coa familia. Non tardou en deixarlle claro ao seu pai que quería que lle escribira en galego.
- Pero, se eu non sei escribir en galego -contestoulle o pai- teño moitas faltas.
- Tamén as tes en castelán -foi a resposta de Neira Vilas.

Velaí quedou a súa mensaxe de orgullo da lingua galega.
Hai dous anos volvimos a ter un encontro co escritor na Bandeira na que comprobamos que o seu discurso comprometido seguía a ter a mesma forza.

25 de nov. de 2015

A muller perfecta

 Chéganos xusto a tempo, para conmemorar o Día da Violencia de Xénero, este relato:

"Inútil. Desvergoñada. Eres unha desvergoñada. Non teño por qué aguantarche as túas tolerías coas que me enches o cerebro de parvadas. Todos estes anos intentando que foses unha muller mellor. Todos estes anos nos que me dicían que te deixara, que non valería a pena porque nunca ías cambiar. Que razón tiñan e doume conta agora...'Xa nunca foi unha gran muller', dixérame o teu pai cando lle pedín a túa man, 'a ver se podes facer dela algo mellor'. Vinte anos despois e non o conseguín. O teu pai si que conseguira facelo coa túa nai. El si que era un home de ben e a túa nai, a muller perfecta. Nin lle protestaba nin lle daba os problemas que ti me das a min. Creme que me doe máis a min que a ti cando che pego co cinturón, pero e que non hai outra maneira. O cinturón era o que usara o teu pai para a muller e doumo cando casamos. El si que era un home de ben e a tua nai a muller perfecta. Non sei que mal fixen eu para merecerte...Oxalá te houbera deixado anos atrás en vez de seguir aturándote. Fíxeno pola nosa filla. A pequena sí que conseguirá ser unha boa muller, diso encargareime eu. A partires de agora heina levar visitar á súa avoa máis a miúdo para que saiba que ten que ser coma ela e non coma ti. Comprareille un ramo de margaridas para que as poña debaixo do seu nome gravado na pedra e direille que rece unha oración. Cando sexa maior xa saberá como comportarse e eu estarei ao seu lado preparado para darlle a herdanza do cinturón do teu pai ao seu futuro marido. O teu pai...el si que era un home de ben e a túa nai a muller perfecta. Non coma ti, inútil. Desvergoñada."
 Inútil. Desvergoñada. Son unha desvergoñada. Salto da cadeira e sinto o suave agarimo da corda no meu pescozo, o abrazo máis cálido que sentín na miña vida. Agora serei a muller perfecta.

Ana Colmeiro (2º bach)

8 de nov. de 2015

Fotos do Día da Ciencia en Galego 2015.1

O pasado venres 06/11/15 no IES Pintor Colmeiro celebramos o Día da Ciencia en galego con gran variedade de actividades.
Os alumnos de 1º e de 2º da ESO asistiron a unha proxección de vídeos científicos subtitulados en galego da serie de Marabillas da Ciencia. Nos grupo de 1º da ESO proxectouse "O imperio do sol" e nos de 2º da ESO viron "Extraterrestres"


 Durante os recreos o alumnado participou en moitas outras actividades.



 Tivemos un "Trivial científico" que se desenvolveu na aula de informática.

 Houbo obradoiros de química

Tamén de física

Concretamente de óptica:



E tamén de xeometría dinámica (matemáticas) 





 




6 de nov. de 2015

Conferencia do Día da Ciencia en galego con Xurxo Mariño

Como en todas as anteriores edicións, o IES Pintor Colmeiro participou na actividade programada pola Coordinadora Galega de ENDL no VI Día da Ciencia en Galego.
Nesta ocasión o tema trataba sobre "A máquina que constrúe a mente e a realidade" e o seu relator era o coñecido divulgador científico Xurxo Mariño Alonso.

Os grupos participantes nesta ocasión foron os de 3º B, 4ºA e1º de bacharelato de ciencias cun total de 40 asistentes. Seguramente foi a conferencia que mellor nos chegou de toda a serie, cun son e unha imaxe perfectos.
Ademais nesta ocasión houbo unha perfecta sincronía por parte do persoal técnico que fixo que o desenvolvemento da vídeoconferencia fose máis dinámico pois durante a emisión non se limitaron a ofrecernos unha imaxe plana do conferenciante senón que cando conviña podiamos ver imaxes e vídeos que permitiron que o desenvolvemento da conferencia fose mais claro e fluído.
Este ano a forma de participación nos comentarios e preguntas ao conferenciante foi mediante o twitter. Xurxo Mariño respondeunos a unha pregunta, concretamente a ésta: cal é a actividade cerebral dos sonámbulos?


4 de nov. de 2015

Isidro Parga Pondal e Carlos Gómez-Reino Carnota no Día da Ciencia en Galego

Como vén sendo habitual todos estes anos, en colaboración co IES Chano Piñeiro de Silleda, elaboramos carteis sobre a figura dos científicos homenaxeados no Día da Ciencia en Galego. Nesta ocasión temos presentes a dous galegos: o xeoquímico Isidro Parga Pondal e o óptico Carlos Gómez-Reino Carnota.

Huygens e Planck no Día da Ciencia en Galego

Os científicos internacionais que teremos presente neste Día da Ciencia en Galego 2015 serán Christiaan Huygens e Max Planck. Xunto cos de Isidro Parga Pondal e o de Carlos Górmez-Reino Carnota, poderemos velos na entrada do IES Pintor Colmeiro e do IES Chano Piñeiro.