10 de abr. de 2014

Xornada con Suso de Toro

Suso de Toro nunha maratoniana xornada compartiu connosco ideas e recordos arredor da súa importante obra escrita e mantivo encontros con case todos os cursos do IES Pintor Colmeiro.
En primeiro lugar o alumnado de 4º da ESO escoitou de primeira man a experiencia como guonista dunha das primeiras series de televisión, Servicio de urxencias. Suso de Toro comentou que para el fora todo un reto, unha experiencia moi distinta á de escribir unha novela debido á inmediatez e rapidez con que se tiña que desenvolver o seu traballo creativo.
O alumnado de 2º e 3º da ESO traballou sobre  Unha rosa é unha rosa. Cinco alumnos de 3º da ESO fixeron unha versión en kamishibai da obra, o cal foi toda unha novidade para o escritor, que era a primeira vez que tiña noticia desta forma de teatro en papel creado no Xapón.

Dentro do programa comenzado o curso pasado "Nomeamos as aulas", avanzamos un chanzo máis dándolle o nome de Suso de Toro a unha aula de 1º de bacharelato. Os alumnos deste nivel leron distintas obras deste escritor e fixeron unha escolla de anacos das mesmas para facer lecturas das mesmas. Deste xeito fixemos un percorrido por toda a súa obra literaria.
Tamén se proxectou un vídeo realizado polo alumnado de 2º de bacharelato no que se traduciu ao formato audiovisual un artigo de opinión de Suso de Toro publicado este mesmo ano no dixital Praza Pública co título "Non marchedes sen loitar antes", sobre a actual situación de desmprego da xuventude e a perspectiva da volta da emigración.

Finalmente o escritor foi entrevistado por Radio Colmeiro, a radio do ENDL do instituto. Esperamos ter pronto o programa á nosa disposición.

Agradecémoslle a Suso de Toro que colaborara en todas as actividades programadas arredor da súa figura e a súa obra. Seguro que rematou a xornada ben cansado, pero a pegada que foi deixando por todas as aulas do centro de certo será tan persistente como a placa que desde onte descubriu á porta dunha das aulas do noso centro, desde agora e para sempre,  a aula Suso de Toro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario